30 ago 2012

Praza Pública | Os afectados polas preferentes serán un factor clave na campaña electoral


Protesta dos afectados pola preferentes, este xoves na Coruña
O verán adoita ser un tempo no que as protestas e reivindicacións arrefecen ou fican nun segundo plano co risco de ser esquecidas polos cidadáns menos implicados ou non directamente atinxidos por elas. Os colectivos de afectados polas preferentes tentou o contrario: incrementar a frecuencia e intensidade das súas protestas en agosto, con concentracións e manifestacións todas as semanas, e mesmo levando a protesta aos lugares de veraneo e a "aqueles sitios onde descansan os políticos e banqueiros", coma Sanxenxo ou Baiona. 


Imaxe da concentración dos afectados polas preferentes na Coruña
 
Este xoves volveron concentrarse diante das oficinas de NGB, desta vez na Coruña, e advertiron en varias ocasións que se "farán ver" nos actos políticos previos aos comicios do 21 de outubro, sobre todo os do PP. E é que o anuncio de que o Goberno central acatará as instrucións dadas por Bruxelas no memorando do rescate bancario, de xeito que non lles ofrecerá aos aforradores estafados máis do que as súas participacións preferentes custan no mercado, incrementou a indignación deste colectivo. Ademais, as criticas que dende hai meses viñan dirixindo contra Alberto Núñez Feijoo, pola súa xestión do proceso de fusión e crise das caixas, redobráronse nos últimos tempos por mor da insistencia do presidente da Xunta en que os afectados renunciasen á via xudicial e aceptasen a fórmula da arbitraxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario